galego español english français
| | | | |

-

Nacín no Ferrol de antes das reconversións industriais un 2 de xaneiro de 1963 e escribo dende que teño uso de razón, aínda que a verdade é que non teño moita conciencia de cando foi a primeira vez que o fixen. O que si podo dicir é que con moita felicidade lembro con perfecta nitidez os primeiros pasos que daba a miña man polo papel cando a miña mestra de preescolar me ensinaba a debuxar letras. Ese, e non outro, foi o comezo da miña viaxe polos adorados ríos de tinta.

Co paso do tempo cheguei a crer que me nacera un manancial no interior e que tiña que abrir unha billa para deixar que a auga puidese alcanzar o exterior. Así foi como descubrín a miña vocación de escritor. Así mesmo, e non doutro xeito. E non sei que podería acontecer dentro de min se non abrise de vez en cando a billa para permitir a saída do que ás veces son verdadeiras enxurradas de ideas.

Sinal parroquia de Constela, preto de Pontevedra.
Non sabería dicir con moita exactitude cando escribín algo consciente de que podía ser lido por outras persoas. Quizais fose con “Tiñádelo que ver”, un relato incluído n’As humanas proporcións. Podería dicir que logo de escribilo tiven a sensación de que ía botar unha mensaxe pola fiestra da miña casa e a saber quen podería recollela cando chegase abaixo.
Portada número 0 da revista Ancilla, Salamanca no 1982.

Na década dos anos oitenta, cando estudaba na Universidade de Salamanca, un grupo de amigos constituímos unha especie de faladoiro literario (sempre comezabamos con literatura e rematabamos con outras cousas) no que intercambiabamos textos de produción propia. Reuniámonos no primeiro piso dunha cafetería na que teño recitado moitos poemas en galego que logo sempre traducía ao castelán para unha audiencia de variadas orixes. Esas conversas, faladoiros, reunións, xuntanzas, como queira que se puidesen chamar (nunca lles puxemos nome) deron orixe a unha revista de creación literaria que veu a luz en tres ocasións baixo o título de Ancilla.

Nesa revista, editada dun xeito completamente artesanal, apareceron arredor de oito poemas meus coas súas correspondentes traducións ao castelán. Pola mesma época publiquei algún outro poema (un deles deu orixe a un relato que aparece n’As humanas proporcións) en revistas de asociacións de veciños das que desgraciadamente non conservo ningún exemplar. Estes son os primeiros textos que publiquei na miña vida. Gárdoos coma un tesouro no baúl das miñas mellores lembranzas.

Licencieime en filoloxía inglesa na Universidade de Salamanca no ano 1986 e marchei a Barcelona, cidade da que ás veces teño saudades mestas coma néboas de inverno. Dende ese momento dediquei a miña vida ao ensino da lingua inglesa en institutos de secundaria, traballo que me fixo cambiar moitas veces de residencia (Santiago, Ferrol, Monforte, Pontevedra) até chegar a Poio, vila onde resido e traballo na actualidade.

Lector de prosa infatigábel, un día decidín verter nunha serie de relatos as cousas que ía destilando a miña cabeza e dese xeito tan sinxelo naceron As humanas proporcións. Cal non sería a miña felicidade cando no ano 2003 vin o meu labor recoñecido co premio de narrativa Torrente Ballester. Publicado por Editorial Galaxia en setembro de 2004, en marzo de 2005 o libro recibiu o premio da Asociación Española de Críticos Literarios na súa modalidade de narrativa en galego.

Entrega do Premio Torrente Ballester na Biblioteca da Deputación de A Coruña o 5 de novembro de 2004
Cuberta Libro das alquimias por Fausto Isorna.

Dende 2003 até 2009 colaborei de xeito habitual no suplemento Nordesía do Diario de Ferrol nunha sección titulada “Enfiando” cunha serie de artigos que teño recollidos nun cartafol que bauticei como “Cadernos da Coruxa”, onde tamén gardo colaboracións esporádicas co desaparecido semanario A Nosa Terra.

No ano 2007 publiquei a novela Libro das alquimias, que sempre concibín coma un agasallo para os meus fillos. Trátase dunha obra con moitas posibilidades de lectura e contén moitos ingredientes que poderían explicar as miñas afeccións escritora, lectora e viaxeira (ás veces dou en pensar se de verdade non atoparía de verdade un dos seus protagonistas, ese vello bibliotecario errante e anónimo ao que collín un agarimo enorme mentres escribía a novela, un agarimo que aínda manteño). Toda a historia contida no Libro das alquimias parte da miña idea de que cada vez que temos un libro entre as mans estamos a nos mergullar no seu interior. E facémolo dun xeito case físico.

Se a lectura é boa sentiremos frío e sentiremos calor, sentiremos medo e tamén riremos, e choraremos, e nos emocionaremos da man dos seus personaxes. Iso, e non outra cousa, é para min a lectura: unha viaxe (polas páxinas dun libro) que sempre resulta apaixonante.

A miña escrita sempre obedece a un mesmo esquema: a realidade achega unha idea que eu teimo en traballar coma un pasteleiro que traballa a masa dun (futuro) biscoito. Plasmo esa idea primixenia xa traballada nun papel (a través da computadora, nunca a man) e déixoa repousar (ás veces anos) para retomala ao cabo dun tempo e empezar a transformala pouco a pouco. Ás veces xunto tres, ou catro, ou cinco ideas e con elas constrúo algo diferente do que inicialmente artellara. Unha vez construído un bo armazón dedico todo o tempo do mundo a decoralo ate que me sinto satisfeito. É un proceso longo e bastante laborioso.

Esta idea da realidade que se transforma da man do escritor/creador deixeina en gran parte plasmada no argumento de Shakespeare destilado, que gañou o premio Manuel García Barros no ano 2008 e foi publicada por Editorial Galaxia. Deseñei esta novela coma un divertimento mordaz e irónico acerca da miña concepción do feito literario: a literatura “bébese”, “procésase estomacalmente” e logo “vomítase”… Paseino tan ben escribíndoa!.

En 2008, baixo o título de Como se fixo o primeiro alfabeto, publiquei en Edicións Embora a tradución e adaptación de dous contos do libro Just So Stories for Little Children de Rudyard Kipling.

No ano 2012 Edicións Xerais de Galicia editou a miña cuarta novela, titulada 15.724, na que través dun xogo de diversas voces narradoras retrato as forzas do sentimento que agroma entre irmáns e irmás, eses vincallos invisibles que ninguén nin nada pode romper, ademais de asuntos como a fronteira entre a cordura e a tolemia ou o concepto de submisión e a aplicación da pena de morte.

E que virá agora?
Pois agora abrirei a billa e copiarei todo canto vexa que vai aparecendo, todo canto o meu manancial me vaia ditando...